/GAL/ O Dilema do prisioneiro fai referencia a un problema fundamental da Teoría de xogos que amosa que dúas persoas poden non cooperar aínda que iso vaia en contra do interese de ambas. Levado ao terreo da xestión dos recursos naturais, e en especial ás áreas naturais protexidas, pode axudar a crear estratexias que permitan equilibrios e cooperacións sostibles entre turismo e conservación do medio natural. Pero a pregunta é: Como conseguilo? Ese é o dilema. Conxugalo de forma eficiente non parece doado.
O turismo, especialmente o desenvolvido na natureza, pode ser un motor de desenvolvemento económico moi interesante en algúns espazos naturais protexidos e zonas rurais, sempre e cando se opte por modelos regulados que minimicen o impacto e se impida unha sobre-explotación do recurso co consecuente risco de esgotamento.
Volvendo ao Dilema do prisioneiro, o esgotamento produciríase cando unha das partes dese “xogo” opta por “non cooperar” e non coida, ou maltrata, o ben do que está a desfrutar. É dicir, se consideramos un xogo con dous participantes: turistas e poboación local, cada unha destas partes pode elixir entre dúas estratexias, “cooperar” e “non cooperar” na conservación do patrimonio natural local. Mentres que a poboación de turistas aspira a desfrutar do ben, os residentes aspiran a obter un beneficio económico.
Acadar o equilibrio entre eses dous intereses individuais para que o resultado colectivo sexa óptimo é a nai de todas as cuestións. A cooperación entre eles parecería lóxica, pero non é así. A maioría de turistas, excepto aqueles moi concienciados e sensibilizados coa preservación e coidado do medio natural, non cambiarán cadansúa estratexia supostamente racional de “non cooperar” se non teñen incentivos ou obriga de facelo.
De aí a importancia da regulación e da intensificación de medidas de conservación. Se esgotamos o recurso, a traxedia sería social e económica para ambos participantes. Agás casos moi concretos parece difícil frear o fluxo de turistas a determinadas áreas naturais protexidas, tal e como amosan as cifras de visitantes que ano tras ano van en aumento en moitas delas, como os Parques Nacionais. Ser ben conscientes destas realidades permitirá establecer cooperacións eficientes e con impactos máis sostibles e controlados; non tan laxos coma en determinados espazos naturais.
Todo isto supón un reto prioritario para a elaboración de mellores políticas de protección de longo prazo, e para a xestión deses espazos naturais, no sentido de conseguir realmente, e só desta forma, que os dous integrantes do “xogo” actúen de modo tal que o beneficio conxunto de “cooperar” sexa maior que a decisión individual de non facelo.
Dende Observer, e no caso dos Espazos Naturais Protexidos nos que traballamos, o modelo de turismo científico que buscamos crear pretende combinar de maneira eficiente o desenvolvemento do turismo con altos niveis de conservación. Bríndase apoio á xestión desas áreas para implantar o que chamamos ecosistemas de turismo científico que sexan eficientes, con capacidade adaptativa, e que permitan actuar en varias frontes distintas: xestión, impactos, sensibilización e divulgación científica dos recursos.
Pensamos que, neste caso, no noso “xogo”, o resultado da cooperación que axudamos a establecer entre todos os axentes do modelo, ten un resultado social beneficioso a largo prazo. Todas as partes están de acordo en cooperar, e a conservación é posible.
-
Máis artigos en DESTINOS DE CIENCIA: https://www.gciencia.com/destinos/